Non é certo que os cidadáns voten para que os partidos pacten. Non. Votamos para que gañe a opción que máis nos convence e son os políticos os que despois negocian para repartir o poder outorgado polos votos.
Seguir afirmando que os votantes socialistas e nacionalistas querían un pacto cando depositaban a papeleta na furna de cristal é tanto como descoñecer o mal que se queren as direccións de uns e outros, especialmente nalgúns concellos como o de Lugo. A oposición do BNG contra Orozco debería facer moi difícil que os socialistas chegaran a un acordo de goberno con eles, xa que non só dirixiron críticas contra o proxecto de Orozco -o cal sería totalmente lexítimo-, senón contra da súa propia persoa.
Quizais coa finalidade de acabar co chamado « efecto Orozco», o BNG realizou unha campaña moi dura pero efectiva á hora de quitarlle votos e credibilidade á persoa coa que agora pretenden gobernar. Algo ao que os políticos están afeitos pero que para a cidadanía resulta intragable. Sobre todo cando o cambio de mapa político, primeiro na cidade e agora na provincia, débelle moito a determinados nacionalistas pero tamén á figura de López Orozco. E quede claro que sen el e o PSOE, os nacionalistas non estarían agora en disposición de poder gobernar en tantos concellos.
Pero a dúbida é saber se despois dos ataques persoais, aínda así Orozco será capaz de omitilo e gobernar co candidato do BNG un concello onde a dereita, encabezada por García Díez, evitou atacar ás persoas e poñer atrancos aos proxectos que eran e seguen sendo vitais para a cidade.
» Radio Lugo, 30,05,07 Tragar sapos para gobernar
|