Algo de razón tiña o Partido Popular. O Goberno de Zapatero nunca debeu negociar coa banda terrorista sen que antes ETA entregara as armas, renunciara inequivocamente á violencia e os de Batasuna condenaran o terrorismo. Pero se Mariano Rajoy o tiña tan claro era debido a que tamén o Goberno de Aznar intentou conseguir a paz para o pobo español. Aznar, Rajoy, Acebes e Mayor Oreja non poden negar as conversas con ETA e o seu entorno a prol de conseguir o mesmo que agora tentou Zapatero: a paz. A falta diso é o que deixa a moitos cidadáns sen liberdade. Non a hai se tes que mirar os baixos do teu coche antes de subires. Tampouco se para ir do traballo ao fogar é obrigado levar escolta. Nin funciona o estado de dereito se cada dúas por tres os violentos queiman autobuses e caixeiros automáticos ou te insultan pola rúa só por defender unhas ideas democráticas. Porque ese é o verdadeiro drama, o das familias que non saben se á volta da esquina algún etarra estará apuntando coa pistola. Efectivamente o PP non axudou unha miguiña para chegar a un acordo de paz. Quizais porque sabían que igual que no Goberno de González, despois no de Aznar e agora no de Zapatero, ETA nunca quixo deixar as armas. Agora ben, se os terroristas ameazan ao Goberno, todos estamos no punto de mira das súas bombas. Por iso hai que estar unidos. E quen non o faga, incorre nunha grave i rresponsabilidade que debería pagar.
» Radio Lugo, 06,06,07 Unidos máis que nunca
|