| O que ri úlitmo ri mellor |
|
A Francisco Cacharro ímolo a botar de falta des que xa non estea para darnos xogo aos medios de comunicación. O último argumento foi dicir que nin confirma nin desminte «tonterías», referíndose á súa presunta relación co partido Terra Galega.
A verdade é que a moitos non nos sorprendeu aínda que parece que si aos que trataban de agochalo ou mesmo aos que agora lles interesa dicilo en vista de que as enquisas non arrebolan os resultados que quixera para Lugo a dereita. Ata que pasen as eleccións non se ha saber pero semella que nesta provincia o Partido Popular ten aínda unha cousa pendente, que é demostrar a súa capacidade para conseguir uns resultados electorais satisfactorios sen a omnipresencia de quen foi o máximo responsable do partido e a Deputación Provincial.
E non parece ser unha empresa doada, pois nin José Manuel Barreiro, malia ter sido vicepresidente da Xunta, nin Joaquín García Díez, que xa foi tamén alcalde de Lugo, parecen contar co apoio que si tivo Cacharro.
Talvez por iso había que pasar ao ataque e aí é onde entraría a deputada autonómica do PP que acusou ao seu compañeiro Francisco de estar detrás de Terra Galega. E unha vez dito, a este partido xa só lle queda aguantar o peso desa lousa, inda que para lousa a que terán os máximos responsables do PP se despois das eleccións os resultados non acompañan. Será precisamente nese intre cando Francisco Cacharro gañe a súa batalla particular contra Barreiro e García Díez. E poderá dicir que o que ri último ri mellor.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 2 de Maio de 2007 |
|
|
| As comparanzas de Rajoy |
Mariano Rajoy veu a Lugo e comparouse con Nicolás Sarkozy, apuntándose de novo ao cabalo gañador das eleccións presidenciais francesas. Rajoy non falou do atraso secular en infraestruturas que padece a nosa provincia, talvez porque alguén lle podería recordar que foi vicepresidente dun Goberno que presidía un Aznar que daquela non daba discursos cunha copa de viño na man. Seguramente o candidato conservador á alcaldía de Lugo, Joaquín García Díez, houbera preferido que o líder do Partido Popular tratara asuntos máis relacionados cos problemas dos lucenses, algo que case nunca lles escoitamos aos mandatarios que veñen e vanse. Rajoy, se quería encher a súa cesta, en paga de compararse con Sarkozy, debeuno facer cos agricultores, pescadores ou calquera outro traballador lucense que traballe tanto coma el anque sen recibir o salario que ocultou aos espectadores de TVE. E xa postos a establecer semellanzas, Rajoy puido aproveitar a súa estadía en Lugo para compararse con García Díez e deixar que os franceses sufran as súas propias equivocacións. Pero xa que Rajoy prendeu o lume das comparanzas entre España e Francia, hai que lembrarlle que ogallá a dereita española tivera tan claros algúns principios elementais asumidos ata o día de hoxe polos conservadores franceses. E ogallá que o PP consiga separarse aquí da extrema dereita que en Francia encabezou Jean Marie Le Pen
» Radio Lugo, 09,05,07, As comparanzas de Rajoy
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 9 de Maio de 2007 |
|
|
| Pesimismo por localidades |
Dicir que a provincia de Lugo ten moitas deficiencias en infraestruturas, non é falar de algo novo. Lugo ten unha estación de Autobuses penosa. Ademais, a cidade agarda polo auditorio e o novo parque industrial das Gándaras. Só faltaría que agora algún Icomos nos fixera cambiar de emprazamento a estación de ferrocarril. Nese caso, en paga do AVE deberíamos piar de novo polo aeroporto en Rozas.
O pesimismo chega ata Monforte, onde aínda están á espera do famoso Porto Seco que nin sequera Aznar se atreveu a prometer alí mesmo na cidade do Cabe. E que sería de Sarria sen o Camiño de Santiago e sen os emigrantes retornados. Nin os anteriores nin o actual goberno do que formaron parte a tránsfuga Sabela Caldas e o PP na sombra, aseguraron o desenvolvemento industrial que se albiscaba aló cando o ferrocarril chegou á vila.
Claro que moito peor lle foi a Láncara. Despois dos anos de desgoberno, o primeiro que cómpre facer para darlles algo de futuro á xente nova sería desmontar unha administración local que funciona de xeito caciquil.
Pero o pesimismo continúa en Vilalba, onde non se notou a figura de Manuel Fraga e Rouco Varela á hora de facer da vila unha cidade que lle dea á comarca chairega outro renome amais dos folgos poéticos.
Inda que talvez sexa mellor iso que medrar ao estilo da Mariña lucense, onde poder transitar polos 10 primeiros quilómetros da autovía do Cantábrico non debe apartarnos da desfeita urbanística.
» Radio Lugo, 16,05,07 Pesimismo por localidades
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 16 de Maio de 2007 |
|
|
| As mentiras dun só grupiño |
Mariano Rajoy quere realizar o que xa fixeron os romanos hai 2.000 anos. ¿Como se consegue vertebrar todo un Estado? Artellando unha boa rede de comunicacións. O líder do Partido Popular propuxo unir todas as capitais a través dun verdadeiro tren de alta velocidade. ¿Quen pode contradicilo? Pero Rajoy omitiu falar da súa decisiva participación durante 8 anos no Goberno de Aznar. ¿Cantas capitais se uniron cun auténtico AVE mentres o PP gobernou en Madrid ou Santiago?
Rajoy non só non puido citar un só quilómetro de AVE aquí, senón que ao seu partido non se lle ocorreu mellor cousa que resucitar o Plan Galicia, cando todos sabemos que ese listado naceu unicamente despois de que os galegos progresistas, nacionalistas ou conservadores se botaran ás rúas.
Pero xa que Fraga, Feijoo e Cascos quixeron que falaramos diso, preguntémonos: ¿que reclamaba a xente? Que non se lle mentira. Sen embargo, os mesmos gobernantes, hoxe líderes na oposición, volveron a cometer o mesmo erro tralo atentado islamita do 11 de marzo.
¿Acaso non é triste que ese grupiño de xente dirixa un partido que debería falarnos da súa filosofía da vida, do liberalismo e de programa? En paga diso obríganos a ter que responder ás súas falsidades.
Pero das súas intencións xa ben nos advertiu un dos pais da Constitución, Miguel Herrero de Miñón, militante e quen foi voceiro do PP durante os primeiros anos da democracia. Por certo, unha democracia que se renova cada vez que se vota. Por exemplo o domingo, elixindo aos alcaldes.
» Radio Lugo
|
| Carlos Vázquez. Xoves, 24 de Maio de 2007 |
|
|
| Tragar sapos para gobernar |
Non é certo que os cidadáns voten para que os partidos pacten. Non. Votamos para que gañe a opción que máis nos convence e son os políticos os que despois negocian para repartir o poder outorgado polos votos.
Seguir afirmando que os votantes socialistas e nacionalistas querían un pacto cando depositaban a papeleta na furna de cristal é tanto como descoñecer o mal que se queren as direccións de uns e outros, especialmente nalgúns concellos como o de Lugo. A oposición do BNG contra Orozco debería facer moi difícil que os socialistas chegaran a un acordo de goberno con eles, xa que non só dirixiron críticas contra o proxecto de Orozco -o cal sería totalmente lexítimo-, senón contra da súa propia persoa.
Quizais coa finalidade de acabar co chamado « efecto Orozco», o BNG realizou unha campaña moi dura pero efectiva á hora de quitarlle votos e credibilidade á persoa coa que agora pretenden gobernar. Algo ao que os políticos están afeitos pero que para a cidadanía resulta intragable. Sobre todo cando o cambio de mapa político, primeiro na cidade e agora na provincia, débelle moito a determinados nacionalistas pero tamén á figura de López Orozco. E quede claro que sen el e o PSOE, os nacionalistas non estarían agora en disposición de poder gobernar en tantos concellos.
Pero a dúbida é saber se despois dos ataques persoais, aínda así Orozco será capaz de omitilo e gobernar co candidato do BNG un concello onde a dereita, encabezada por García Díez, evitou atacar ás persoas e poñer atrancos aos proxectos que eran e seguen sendo vitais para a cidade.
» Radio Lugo, 30,05,07 Tragar sapos para gobernar
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 30 de Maio de 2007 |
|
|
| Estos son artigos de vello que Carlos Vázquez pronunciou en directo no seu día no programa Hoy por Hoy Lugo da Cadena SER. Loxicamente xa perderon toda a actualidade. |
|
|
|