| Unha semana para a reflexión |
|
As procesións de Semana Santa viñeron que nin pintadas logo de tanto barullo político sufrido nos últimos meses. Despois de ir á reconquistar Navarra, os líderes do Partido Popular parecen nestes días coller aire andando a paso lento detrás dos pasos relixiosos. Que hai que dicir que se abren sitio entre a xente laica e os máis fervorosos devotos. Algo que debera valer de lección para quen quere que todos fagan coma el ou, senón, empregan o insulto para descualificar aos demais. Falo en plural. Como ben dixo o profesor Basilio Losada nunha entrevista que me concedeu en Láncara, chegou xa o tempo de que aprendamos a diferenciar o verdadeiro do falso.
Porque no asunto da relixión como no eido político, hai xente que pretende manipular e aproveitarse da que si vai con mellores propósitos. Coma min, moitos desexamos camiñar polo vieiro do cristianismo pero coidando ben de que o fundamentalismo relixioso, adore ao Deus que adore, non supoña un perigo moi grande para a sociedade. Por iso, a Semana Santa debera valer para a reflexión.
¿Farán iso os políticos que pretenden enfrontar e dividir á sociedade a fin de sacar rédito electoral? Coido que non. As eleccións de maio están aí a tiro de pedra e des que pasen estes días volverá á escena pública o «teatrillo» ese que se traen algúns á conta nosa. Iso si, co grave risco de conseguir que as dúas «Españas» ou mesmo se cadra as dúas «Galicias», acaben mirándose outra vez con desconfianza e rancor. Aprendamos da Historia.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 4 de Abril de 2007 |
|
|
| Alcalde ou promotor, incompatibles |
Xa que nestes días non asomou ás ventás informativas a crispación das últimas semanas, non vai ser este analista quen prenda de novo o lume. Así que este respiro vainos permitir falar, por exemplo, do urbanismo.
O alcalde da localidade pontevedresa de Salceda admite agora que «quizais non sexa ético» participar nunha promotora de vivendas ao mesmo tempo que ser rexedor desa localidade. E supoño que para non ter que dimitir, algo que xa lle debera ter esixido o seu propio partido, o popular alega que se trata de algo legal e que non se aproveitou do seu cargo para beneficiar á súa empresa. Dicir o contrario sería tanto como recoñecer publicamente un delito. Pero a moitos resúltanos difícil imaxinar que sendo accionista dunha promotora, o alcalde de Salceda non aproveitara o seu cargo para beneficiar dalgunha maneira á empresa da que é partícipe. Vamos, parecería un contrasentido, porque ninguén ten parte nunha empresa senón é para gañar cartos, sexa un alcalde ou panadeiro.
Por outro lado pero sen abandonar o tema do urbanismo, na localidade de Foz mantense a fenda que separa as boas intencións da Xunta dos intereses locais. Porque a pregunta é: ¿se o alcalde de Foz pertencera ao Partido Popular, permitiríaselle que puidera validar o luns as polémicas licencias concedidas de xeito irregular hai un ano?
Nisto do urbanismo, sería bo que os intereses partidistas non se impuxeran nunca, xa non digo á legalidade, senón ao propio sentido común.
» Radio Lugo, 11/04/07. Alcalde ou promotor, á vez son incompatibles.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 11 de Abril de 2007 |
|
|
| Contaminar xa non será o mesmo |
Estabamos afeitos a todo incluso a que calquera empresa vertera os seus desperdicios ao río máis próximo sen que ninguén lle pedira responsabilidades. E así están as rías e mailos ríos galegos. O delito ecolóxico, quen por exemplo contamina os acuíferos, debe saber que está matando, non unicamente a fauna e posiblemente a flora do entorno, senón que prexudica gravemente á poboación que se nutre, oxixena, desas augas que precisamos limpas. Para poder vivir con saúde. Así pois, que no día de onte o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo solicitara seis anos de prisión para o coñecido administrador de Leite Río -por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente que o empresario nega-, non debe ser máis có exemplo claro de que ten que haber un cambio de mentalidade.
Con independencia do que diga a sentencia neste e outros moitos casos abertos, chegou o momento de que a sociedade pense no risco que sofre. Hai labregos que van ao monte e tiran alí os sacos dos silos, outra xente bota lixivia para poder coller máis pesca e dáse que nalgúns concellos seguen abertos os vertedoiros. Non só os empresarios deben tomar conciencia, senón todos nós, anque quizais deba ser condicionados por esa, semella que inherente, necesidade de ter que abonar primeiro unha multa. Por iso haberá que endurecer aínda máis as sancións, para que non compense máis pagar o castigo que coidar de que funcione correctamente, por exemplo, unha depuradora.
» Radio Lugo, 18/04/07. Contaminar xa non será o mesmo.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 18 de Abril de 2007 |
|
|
| Ónde quedou o debate político |
Noutras eleccións municipais o debate centrábase en valorar as desmesuradas promesas que vertían os políticos. Nesta ocasión estamos obrigados a falar, un día do alcalde de Melilla, que encargou copias do formulario oficial para o voto por correo, ao outro dos promotores que son ou queren ser alcaldes, como o de Salceda ou Bande, un do PP e outro do PSOE, ou mesmo debemos asistir ao feito de que un concello como o de Outeiro de Rei decidira censar a feito a presos e maiores. Independentemente de que a finalidade do popular José Pardo fose a de gañar votos ou valor económico para o concello, ou as dúas cousas á vez, o asunto non parece o mesmo que o de Monterroso, onde o alcalde, o socialista Gato, realizou dúas campañas informativas disque a fin de animar aos presos para que se censaran. No caso de Bonxe –onde faltaría por ver se o fallo de comunicación é só atribuíble ao servizo postal– houbo ao parecer algún preso que coñeceu onde estaba censado só despois de que lle desestimaran unha vivenda social alá na súa localidade de orixe. Agora ben, cómpre preguntar se isto que afecta á legalidade debería ser agora o máis relevante. Ou se o importante de cara ás municipais do 27 de maio había ser falar dos problemas que concirnen aos maiores e presos, censados aquí ou acolá. Porque, ¿onde quedou o debate político? ¿Acaso non deberíamos falar da asistencia aos maiores, da escaseza de residencias públicas ou da reinserción social dos presos?
» RAdio Lugo, 25,04,07 Ónde quedou o debate político
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 25 de Abril de 2007 |
|
|
| Estos son artigos de vello que Carlos Vázquez pronunciou en directo no seu día no programa Hoy por Hoy Lugo da Cadena SER. Loxicamente xa perderon toda a actualidade. |
|
|
|