A mirada crítica
A estratexia do «calamar»
O artigo de hoxe debería ser para falar do ataque que algún sector da dereita ven facendo a unha empresa privada como esta na que eu, ao igual que fan destacados militantes do Partido Popular, atopamos un xeito onde expresar libremente a nosa opinión. Cómpre pensar, polo tanto, que o último arrebato contra a liberdade de expresión forma parte da estratexia que tamén empregan as luras ou calamares. Que para confundir e fuxir dos seus perseguidores segregan esa tinta negra propia dos cefalópodos. Por ese camiño, a dirección do Partido Popular foi quen, para tratar de escurecer os logros do Goberno, moi relevantes en materia social, optar por unha estratexia moi pouco acertada.

Dado que no eido social e tamén na economía, alomenos en cifras macroeconómicas, non había moito onde sacar rédito electoral, os conservadores escolleron un camiño trabucado ao romper o consenso en materia de terrorismo. Non en van son sabedores de que tanto este tema como o do perigo a unha posible fractura territorial de España, son asuntos que seguen a facer unha piña entre os militantes do Partido Popular.

Pero o problema disto non é gañar ou perder uns votos nin tampouco é a regueifa que se traen certos dirixentes políticos, senón que moitos cidadáns non saben entender todo este barullo e son quen de empregar a violencia física incapaces, eles, de expresar verbalmente o que outros si fan á perfección. ¿Acaso preténdese unha sociedade enfrontada? ¿E con que obxectivo? Que nolo aclaren.



» Radio Lugo, 28/03/07. A estratexia do calamar
Carlos Vázquez. Mércores, 28 de Marzo de 2007
Enviar un comentario | 0 comentario(s) recibido(s)
Aniversario da guerra do Iraq
Catro anos logo do comezo da guerra do Iraq, nos mesmos micrófonos que entón volvemos a falar hoxe dun drama que aínda segue vivo. Malia que a morte de miles e miles de persoas ten lugar aló no Oriente, tal atrocidade achégase ao noso pensamento. E se hai xa catro anos foron moitos os lucenses que pedían o «Non á guerra», son hoxe máis os convencidos daquel grave erro do Goberno de Aznar. Incluso así o din destacados militantes do Partido Popular. Non fan o mesmo os seus dirixentes. ¿Por qué? Porque tanto Mariano Rajoy como Acebes e Zaplana formaban parte decisiva daquel Goberno presidido por José María Aznar. Certo é que dar un paso atrás e recoñecer un desatino non vai coa maioría dos políticos. Diría máis, rectificar é algo só reservado para certo tipo de persoas. Especiais, naturalmente.
Por iso ao mellor nin Bush nin Aznar confesan a súa equivocación. Sadam Husein foi un ditador aborrecible, pero quen argallou sobre o mapa do Iraq unha invasión que resultaría ser guerra e acabou en civil, teñen tamén algo de culpa.
¿Quen vai crer que os das Azores non sabían da non existencia das armas de destrución masiva? Aínda no hipotético caso de que Aznar realmente non soubera nada, algún día debería admitir que foi vilmente enganado. Que sempre ha ser mellor que pasar á historia canda o presidente Bush. Pero ¡ca!, ámbolos dous din seguir convencidos do que fixeron. Será porque ningún deles teñen mai, avós ou fillos aló no Iraq.



» Radio Lugo, 21/03/07. Aniversario da guerra de Irak
Carlos Vázquez. Mércores, 21 de Marzo de 2007
Enviar un comentario | 0 comentario(s) recibido(s)
Feridas abertas polo Auditorio
Parece claro que o asunto do novo auditorio de Lugo vai deixar feridas abertas na sociedade lucense. E non só no eido político senón tamén no cultural. Sómente parece que hai unión na necesidade de facelo anque xa non teño tan claro que todos queiramos facelo xa. ¿Por que? Porque algúns van intentar sacar rédito electoral e outros están defendendo plantexamentos que, aparte de contraditorios, puideran prexudicar ao casco histórico e mesmo á outro aspecto a considerar.
Precisamos de que a xente de Lugo se implique de verdade na cultura. E qué mellor maneira que construíndo o auditorio no mesmo centro de Lugo. A oportunidade que temos semella única e ou a aproveitamos agora ou poida que xa nunca se dea unha ocasión igual. Agora ben, «Os do non» teñen tamén dereito a opoñerse ao que consideramos a maioría, se pensan que así fan mellor para a cidade. A decisión está no tellado do Concello pero quen de verdade debe tomar a decisión non é outro que o alcalde lugués.
Nese sentido, José López Orozco debe facer como adoitan ás veces os grandes estadistas. Nalgún momento terá que pecharse cos informes técnicos na man e arriscar. A Historia que fale de Lugo dirá se os cativos que hoxe aínda visten con bata no parvulario teñen ou non algo que agradecerlle ao presente, que xa non será futuro mañá.


» Radio Lugo, 14,03,07 Feridas abertas polo Auditorio
Carlos Vázquez. Mércores, 14 de Marzo de 2007
Enviar un comentario | 1 comentario(s) recibido(s)
O asunto do terrorismo
Por fin xa sabemos algo máis grazas ao que escoitamos hoxe no Senado, esa Cámara que aínda segue lonxe de ser un órgano que represente de verdade a división territorial de España. Pero ese non é o tema escollido. Hoxe comparecía alí o presidente do Goberno e abofé que os senadores puideron aproveitar tal ocasión para facernos ver que teñen merecido o salario. Pero non, como tamén tantas veces ocorre no Congreso dos Deputados, o Senado converteuse nun auténtico galiñeiro. Trala pregunta do voceiro popular, García Escudero, a cámara fíxose unha feira onde todo eran berros e continuas interrupcións. E nisto hai que ser contundentes, parecía que o que menos interesaba era que Rodríguez Zapatero puidera dicir o que dixo, que durante o Goberno de Aznar nada menos que 300 etarras saíron do cárcere anticipadamente, aplicando a lei vixente. Tamén grazas a eses beneficios penitenciarios, segundo relatou o presidente, o terrorista De Juana Chaos viu reducida a súa condena un ano por escribir un panfleto. Pero tamén xa sabemos que durante os anos de Goberno da dereita, outros 21 etarras quedaron liberados por enfermidade e disque 43 foron achegados ao País Vasco mentres que durou o secuestro de Ortega Lara. Con todo isto, a dúbida que nos queda é se realmente o Partido Popular acerta na súa estratexia electoral ou se con iso está a producir un grave dano ao conxunto da sociedade española. Co tempo habémolo saber.

Carlos Vázquez. Mércores, 7 de Marzo de 2007
Enviar un comentario | 0 comentario(s) recibido(s)
Estos son artigos de vello que Carlos Vázquez pronunciou en directo no seu día no programa Hoy por Hoy Lugo da Cadena SER. Loxicamente xa perderon toda a actualidade.

Arquivo

· Xuñ 2007
· Mai 2007
· Abr 2007
· Mar 2007
· Feb 2007
· Xan 2007
· Dec 2006
Artigos recentes

· Xa de ir polo xugo...
· Unidos máis que nunca [mp3]
· Tragar sapos para gobernar [mp3]
· As mentiras dun só grupiño [mp3]
· Pesimismo por localidades [mp3]
· As comparanzas de Rajoy [mp3]
· O que ri úlitmo ri mellor
· Ónde quedou o debate político [mp3]
· Contaminar xa non será o mesmo [mp3]
· Alcalde ou promotor, incompatibles [mp3]


Buscar


www.radiolugo.info