| Traspaso de competencias a Galicia |
|
Xa que os representantes no Parlamento galego non foron quen de chegar a un consenso sobre a reforma do Estatuto, ben está que alomenos acordaran pedirlle a Madrid o traspaso de ata 70 competencias. Competencias que pasan por darlle a Galicia maior autogoberno nalgunhas cuestións. ¿Acaso non é normal que Galicia poida ter unha representación que lle permita defender os seus intereses en determinados ámbitos de poder, como é diante da UE ou mesmo no Mercado de Valores? Parece o máis lóxico. Outras competencias pedidas afectan ao tráfico, a salvamento e seguridade marítima ou á Conca Hidrográfica do Miño. Calquera pode entender que, non sendo materias das que a Constitución reserva exclusivamente para o Estado, o razoable non é pedilo, senón que Madrid o conceda. Por dúas razóns: unha, porque son asuntos nos afectan directamente aos galegos e outra, porque coñecemos mellor o campo de acción e polo tanto poderíamos ofrecer unha solución máis atinada aos problemas que xurdan. Agora ben, cómpre lembrar que non todas as competencias asumidas funcionan como se esperaba antes do traspaso. Porque a burocracia e o favoritismo existe en todas partes pero aquí a iso aínda lle hai que engadir o caciquismo que sobrevive nalgúns ámbitos locais, civís e relixiosos. Porque iso si que é o que fai que moitas veces non se tomen as decisións que habería que tomar ou se decidan cousas que non teñen nin pés nin cabeza.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 28 de Febreiro de 2007 |
|
|
| Un Goberno para gobernar |
|
Vamos a ver, para qué queremos un Goberno senón é para gobernar. E tomar decisións cando hai que tomalas. Aínda non esquecido o do Pretige, xa temos outro barco en apuros a carón da costa galega. Llo peor, o que xa sospeitabamos, e que ninguén parece saber o qué facer co Ostedijk agás, nesta ocasión, os mariñeiros de Viveiro, dispostos a impedir cos seus barcos a entrada a porto dun cargueiro avariado. Que non leva petróleo, senón un fertilizante chamado Nitramon, coñecido no agro por facer medrar a herba. Non así as ideas dos que deben tomar as decisións atinadas. Porque o de pasear o barco dun lado a outro xa se fixo antes e ben coñecemos os resultados daquela catástrofe. E por outro lado, ao tempo que se nos di que os gases que flúen do cargueiro situado preto da Mariña non son tóxicos, tamén se advirte que si producen fortes irritacións nos ollos e vías respiratorias. ¿E que foi, mentres, o que fixo o gabinete de crise? Pouco e mal, talvez afectado polo seu propio nome. Transcorridos 4 días, catro, dende que o barco mandou o aviso de perigo, o gabinete de crise non deu cun resultado satisfactorio. Pero se decisivo é darlle solución a este asunto, non menos é saber o adiantado nestes anos. ¿Ten Galicia ou vai ter axiña un porto refuxio? Non. ¿Conta cun protocolo de actuacións que resolva canto antes unha situación coma esta no mar? Tampouco. Agora ben, contrario ao que din algúns, o problema non radica tanto en que decidan en Madrid ou Santiago, senón en que mande quen si ten que mandar.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 21 de Febreiro de 2007 |
|
|
| Que non todo quede en fume |
|
Galicia recibirá algo máis de 5.000 millóns de euros da UE para o período comprendido entre 2007 e 2013. É dicir, como ben alega o Partido Popular, mil millóns menos que na anterior etapa. Sen embargo, sería este un bo momento para lembrar a figura de Felipe González, quen negociara eses fondos comunitarios para España e a Galicia que entón non presidía un socialista, senón o conservador Fraga. Pois ben, malia aquela dura negociación, foi Aznar quen, aínda na oposición, cualificou a González de «pedigüeño». Se ben é certo que non en todo nos favoreceu aos galegos, mendicante ou non, hai que ver o ben que nos viñeron aqueles cartos. Uns fondos que despois aquí nin foron ben aproveitados nin sequera se repartiron como debera ter sido dentro do propio territorio galego. Non foi a provincia de Lugo a que máis se beneficiou do Fondo de Cohesión europeo, creado para igualar ás poboacións máis atrasadas de Europa coas máis desenvolvidas. E non foi así porque en paga de investir en innovación e desenvolvemento sostible, como fixeron en Irlanda, nós dedicámonos abondo a facer amiguiños que agora algúns fan listas independentes e a restaurar edificacións e algunhas casas rurais que adoitan estar sempre pechadas. Polo tanto, o bipartito, ou quen estea na Xunta dende aquí ata o 2013, terá que facer con menos cartos o que non se fixo tendo máis. É dicir, que chegou o tempo de botarlle enxeño e imaxinación. Agardemos que non todo quede en fume.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 14 de Febreiro de 2007 |
|
|
| Consello Consultivo, para pensar |
|
Resulta que o Goberno galego quere modificar o Consello Consultivo de Galicia, un órgano que apenas se usa pero no que se pretende incluír aos ex presidentes da Xunta para que, segundo se di, poidan aportar a súa «experiencia intelectual». É dicir, se se aproba este borrador, os ex da Xunta como Fernández Albor, Laxe ou Fraga e Touriño no futuro, cobrarán unha paga anual de 67.000 euros, algo máis de 11 millóns de pesetas.
Claro que os que ocupan o poder son moi listos e canda esta xenial iniciativa que nos vai amañar a vida a todos os cidadáns, explícase que algo así xa perciben os ex presidentes de comunidades como a de Cataluña, as dúas Castillas, Valencia ou Andalucía. É dicir, de todos os colores políticos. E se aquí se quere modificar o Consello Consultivo, en Madrid existe algo parecido chamado Consejo de Estado e do que forman parte ex presidentes como Aznar, que só por pertencer a ese órgano percibe 12 millóns de pesetas anuais.
Agora ben, ¿criticar isto é querer que se perda toda a experiencia acumulada polos que ostentan tan grande representación da cidadanía? Naturalmente que non. Distinto é que, ao mesmo tempo que uns se aseguran una vida cómoda, con asistente e coche oficial, outros coma os pensionistas lucenses teñen que seguir padecendo ser dos que menos cobran de España. Oian, primeiro que nos suban as pensións e obriguen ás empresas a contratar e pagar un salario axeitado á suba real do prezo das cousas, e despois si, falamos do que queiran. Qué queren seguir tendo o Consello Consultivo de Galicia, qué o fagan. Iso si, para consello o que podían darnos os labregos xubilados e mariñeiros en terra. Pero esa xente a ninguén lle interesa.
|
| Carlos Vázquez. Mércores, 7 de Febreiro de 2007 |
|
|
| Estos son artigos de vello que Carlos Vázquez pronunciou en directo no seu día no programa Hoy por Hoy Lugo da Cadena SER. Loxicamente xa perderon toda a actualidade. |
|
|
|