|
Pinochet xa é máis historia que nunca. Un ditador menos é unha area menos no ollo do mundo. A min o que sempre me sorprendeu deste asunto foi a capacidade da nosa Xustiza para amargarlle os últimos anos de vida a este home desapiadado que non só foi a cabeza visible, o responsable máximo, de que desapareceran máis de 3.000 persoas, senón que segundo soubemos ultimamente –ás veces danse estas casualidades– tamén roubou ao mesmo pobo ao que lle arrancou tantas vidas humanas. E digo que me produciu curiosidade o feito de que aquí tiveramos tanta preocupación por resolvérlle-la papeleta aos chilenos, cando nós, os españois, non fomos quen facelo coa nosa e si máis ben de perdoar e meter a ditadura de Franco baixo da alfombra. Fíxense que, transcorridos tantos anos de democracia, cando o Goberno de Zapatero decide aprobar a Lei da Memoria Histórica, aínda hai sectores poderosos da poboación que se negan ao recoñecemento moral en favor de toda aquela xente que, por unha ou outra causa, foi vítima da sublevación e posterior ditadura franquista. ¿Por que lles proe tanto a algúns? ¿A quen lle ten que enfastiar que, por exemplo, un fillo octoxenario e unha asociación quixeran recuperar en Portomarín os restos do que fora alcalde socialista de Castro de Rei? Lembremos que foi asasinado aló en 1936, despois de ser secuestrado no Café España baixo unha acusación falsa. ¿Acaso toda esta xente non merece un recoñecemento, sen que por elo teña que saír o rancor? ¿Acaso non ten esa obriga? o Estado democrático. ¡Claro que si!
|