A mirada crítica
A reforma estatutaria
Os servizos informativos veñen falando perante toda a mañá da reunión mantida entre o presidente Touriño, o vicepresidente Quintana e o líder da oposición, Núñez Feijóo. Non é a foto que veremos mañá nos xornais o importante deste encontro, senón dilucidar e amosarlles aos cidadáns qué proxecto de futuro queren eles e queremos nós para Galicia. Cómpre aclarar aquí que se ben aínda o vixente Estatuto non foi nin total nin ben desenvolvido, as circunstancias actuais, sen embargo, obrigan a facerlle xa unha reforma. Sobretodo des que Andalucía e Cataluña aprobaron xa o seu Estatuto.
E mentres agardamos ao que resolva o Tribunal Constitucional, as reformas estatutarias principiadas non van moito máis aló do que xa se contemplaba ata o de agora. Dito doutro xeito, aparte outras consideracións, algunhas de caracter económico, no tocante ao marco, os novos estatutos virán a recoñecer o carácter de «nacionalidade histórica» atribuído xa dende o ano 78 pola propia Constitución española.
Pero este aspecto semella a ser o principal atranco para o Partido Popular. E non debera selo tendo en conta que o mesmo partido, aló en Andalucía, aprobou esa mesma consideración. ¿Como Núñez Feijóo vai negar aquí para os galegos o que Javier Arenas aceptou aló para os andaluces? Non se entendería.
Polo tanto, a reforma do Estatuto galego é necesaria e debe recoller non só o caracter nacional dunha comunidade con lingua e identidade propia, senón tamén asegurarse un finanzamento que nos permita avanzar en condicións de poder competir no marco español e europeo.


Carlos Vázquez. Mércores, 17 de Xaneiro de 2007
Enviar un comentario | 0 comentario(s) recibido(s)
Peregrinación en Láncara
Con mellor aspecto e peor fala, o incombustible Fidel Castro reapareceu onte na televisión. Xunto co presidente de Venezuela, Chavez, parece que xuntos berraron: «Venceremos, patria..., socialismo o muerte». ¿A quen vencerán? En todo caso, son palabras da Historia que á alomenos á nosa xuventude xa non lle din nada pero que han quedar aí des que desapareza o líder cubano. Para nós, os lucenses, se cadra o máis relevante é aproveitar e dilucidar qué futuro lle agarda á casa dos Castro no val de Láncara. Lembremos que dese humilde fogar saíu Ángel Castro Argiz, un humilde campesiño, coma tantos outros daquela época, que foi enviado á Guerra de Cuba pero que non só logrou salvar a vida senón que foi alí onde puido facer fortuna e se convertería no pai de Fidel Castro.
Ao cabo dos anos, lonxe a idea revolucionaria, temos que falar hoxe do rédito turístico que lle podemos sacar ao asunto. A ninguén se lle escapa que con só traer cara Galicia algúns obxectos do líder cubano e facendo un arranxo da zona onde se asenta a casiña dos Castro, Láncara non só podería seguir sendo o berce do escritor Ramón Piñeiro, senón tamén un lugar de peregrinación para todos aqueles seguidores de quen, iso si, consolidou a independencia de Cuba e nun primeiro momento forxou unha verdadeira revolución para os cubanos. ¿Acaso non deberíamos aproveitar esta circunstancia? Pois aí ten, se quixera, o alcalde de Láncara un algo que deixar un fermosísimo val que dá nome ao concello que representa.


Carlos Vázquez. Mércores, 31 de Xaneiro de 2007
Enviar un comentario | 0 comentario(s) recibido(s)
Estos son artigos de vello que Carlos Vázquez pronunciou en directo no seu día no programa Hoy por Hoy Lugo da Cadena SER. Loxicamente xa perderon toda a actualidade.

Arquivo

· Xuñ 2007
· Mai 2007
· Abr 2007
· Mar 2007
· Feb 2007
· Xan 2007
· Dec 2006
Artigos recentes

· Xa de ir polo xugo...
· Unidos máis que nunca [mp3]
· Tragar sapos para gobernar [mp3]
· As mentiras dun só grupiño [mp3]
· Pesimismo por localidades [mp3]
· As comparanzas de Rajoy [mp3]
· O que ri úlitmo ri mellor
· Ónde quedou o debate político [mp3]
· Contaminar xa non será o mesmo [mp3]
· Alcalde ou promotor, incompatibles [mp3]


Buscar


www.radiolugo.info