|
Non puido ser onte. O pacto entre socialistas e nacionalistas de Lugo vai ter que agardar, non sabemos canto. Porque agora resulta que reunirse no Concello non era o lugar axeitado. Onte era iso, ao mellor hoxe é que chove e mañá que fai frío, pero o sábado á porta está e malia que a Orozco faille tanta graza reunirse con Lage como a min bañarme no río, o que está claro é que un e outro van ter que sentar para negociar e pechar un acordo de Goberno como parecía producirse onte en cidades como A Coruña ou mesmo si parece que ocorrerá en Riotorto. Nada sabemos aínda de Láncara nin do futuro goberno de Sarria. Se fan como aquí, a impresión que se dá é que os que teñen a chave queren agardar a que se achegue o día sinalado para que a forza que ten máis votos se vexa apurada e ceda.
Vendo o ocorrido onte en Lugo, cabería preguntar se esa é a estratexia que vai seguir o BNG. Todo isto pasa porque nin Orozco nin Lage teñen moitas ganas de selar un pacto. Os socialistas porque se saben con moitos máis concelleiros có BNG e polo tanto non queren que os nacionalistas lles fagan a táboa de multiplicar.
E pola parte contraria, os do Xosé Anxo Lage seguen empeñados en conseguir que catro sumen once.
Agora ben, vendo as poucas ganas que poñen, tanto uns coma outros poderían coller e dirixirse a San Marcos, que é onde está a sé do Partido Popular e ao mellor alí atopan un bo lugar para reunirse e asinar un pacto. Xa de ir polo xugo..., porque no fondo todos se parecen.
Este artigo remata con esta tempada inda que á volta das vacacións de verán seguramente poderemos seguir escoitando e lendo as opinións de Carlos Vázquez na radio.
Moitas grazas a todos por compartires xuntos todos estes momentos.
|